Rozando nas Tic

Marzo 16th, 2011 at 11:35 p.m.

Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística (Caderno de Lingua, 01-12-09)

Baixo este epígrafe participei nas XIX Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega en Santiago de Compostela durante o pasado mes de abril. O obxectivo da miña palestra era achegar a miña curta experiencia aos asistentes para animalos, cando menos aos que aínda non se botaron a andar por estes camiños, a introducir as novas tecnoloxías na súa práctica docente a través de ferramentas de uso sinxelo que non precisan duns coñecementos técnicos moi avanzados. A maiores, quixen reunir algunhas propostas de actividades que, en maior ou menor medida, tratan de integrar estas aplicacións da web 2.0 no ensino da materia de lingua e literatura. Algunhas delas son o resultado da miña propia práctica nas aulas durante estes últimos 3 anos pero as máis son experimentacións e realidades contrastadas de compañeiros e compañeiras docentes que son guías para todos os que tentamos profundizar neste terreo.

A seguinte presentación (adiada neste blogue até hoxe incomprensibelmente) serviume de apoio naquela ocasión e inclúe unha sinxela, e xa clásica, sistematización de usos educativos da web 2.0 na aula, propostas de actividades, ligazóns varias e tamén algúns materiais (vídeos e viñetas) que convidan á necesaria reflexión sobre a renovación metodolóxica que precisamos para integrar con éxito as TIC na procura do desenvolvemento da competencia lingüística do noso alumnado.

Gustaríame reproducir aquí algúns dos apuntamentos finais desta presentación para incidir nalgúns principios e unhas cantas preguntas que debemos afrontar e resolver antes de máis nada, tanto os que aínda non experimentaron como aqueles que, coma min, precisan repensar algunhas dinámicas:

  • As TIC son unha boa oportunidade para o cambio e a innovación educativa.
  • O alumnado está inmerso nunha sociedade tecnificada, e nós?
  • Só se integrarán na práctica educativa cando se empreguen con fins curriculares e para estimular o desenvolvemento de aprendizaxes no alumnado.
  • A innovación coas TIC non consiste en facer máis do mesmo, nin en facer exposicións en Powerpoint co proxector, nin mudar o taboleiro e o xiz pola pizarra e o punteiro dixitais.
E Xaime Varela, do IES Chano Piñeiro de Forcarei, afirmaba noutra ocasión:
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para algo que facemos MAL na versión analóxica: exercicios estruturais, hot potatoes, webquests.
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para o que facemos BEN na versión analóxica.
  • Quizais debamos usar a tecnoloxía para facer MELLOR algo que facemos BEN na versión analóxica.
Entón, preguntábame eu: Que tememos máis? Ao uso dos medios ou ao cambio metodolóxico que iso conleva?

Segundo Jordi Adell, da Universidade de Castellón, o proceso de asimilación e acomodación das TIC nos docentes estímase, no mellor dos casos, entre 3 e 5 anos, e atravesa as seguintes fases:

  • Acceso: coñece e aprende as tecnoloxías.
  • Adopción: comeza a empregar a tecnoloxía con fins educativos, mais en actividades como as que realizaba antes.
  • Adaptación: a súa produtividade e a do alumnado mellora co uso das TIC.
  • Apropiación: desenvolve novos métodos de traballo integrando as TIC.
  • Innovación: implica a creación de procesos orixinais.
Eu atópome entre a segunda e a terceira fase e aínda vexo lonxe a seguinte. Ás veces non é estraño verse identificado na seguinte viñeta:
Naquela ocasión lanzaba unhas cantas preguntas para rematar:

  • En que estadio vos atopades vós? E no voso centro?
  • Como se podería dirixir/redirixir o uso das TIC cara a unha verdadeira innovación metodolóxica?
  • E cara a unha verdadeira innovación metodolóxica en LGL?
  • Que podemos achegar nós para que iso aconteza?
  • Que opinades?

Pois iso, que opinades? Aquí e mais aquí xa podedes atopar algunhas respostas.

Entradas relacionadas:
Etiquetas: , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Aula LGL

  • Aplicacións

  • Recursos

  • Planetas