Rozando nas Tic

Marzo 8th, 2010 at 6:00 a.m.

Creación e uso educativo dos blogues II: escolma de aplicacións Web 2.0

0. INTRODUCIÓN

A Web 2.0 constrúese a través dun conxunto de ferramentas que permiten que os seus usuarios creemos e compartamos contidos coa comunidade internauta. Slideshare, vimeo, slide, flickr, wikispaces, goear, snips, scribd, google docs, deezer, chuza!, youtube, etc. son só algunhas das mil e unha aplicacións enfocadas aos blogueiros e blogueiras desta inmensa tea de araña que é a rede interactiva.

Que ferramentas integrar nas bitácoras ou nos blogues educativos? Todo depende do deseño, do uso e da información que queiramos integrar nas nosas actividades docentes. Lembremos que podemos empregar os blogues para fomentar a participación e a aprendizaxe colaborativa do alumnado, para participar dunha comunidade de intereses común e intercambiar experiencias e materiais ou para amosar o noso traballo ou a actualidade do noso centro educativo… e todo sen coñecementos en programación.

Imos, xa que logo, describir brevemente algunhas ferramentas de interese e dar as ligazóns aos seus titoriais de uso. Sempre queda na man do usuario analizar outras aplicacións semellantes, comparar, descubrir outras, etc. Cada día aparecen novos recursos e mellóranse os existentes. Isto é un océano, só hai que mergullarse.

1. ALGUNHAS APLICACIÓNS PARA COMPLEMENTAR AS NOSAS BITÁCORAS

1.1. Presentacións

  • Slideshare: aplicación que permite almacenar presentacións de diapositivas. Creánse no propio ordenador con Powerpoint, OpenOffice ou calquera outro programa compatíbel cos formatos .PPT, .PPS ou .ODP. Logo, sóbense á rede en apenas uns minutos e convértense directamente a flash, o que permite integralas en calquera blogue copiando e pegando o seu código e velas como se un vídeo de Youtube se tratase (hai quen fala de slideshare como o “Youtube de powerpoint”).

Titorial no propio slideshare de Educ.ar.

Titorial en Zoho Writer de Xano Cebreiro para o wiki ferramentasweb.

  • Slide: é unha ferramenta que permite empregar calquera material dixital (imaxes…) para elaborar presentacións. O seu manexo é simple, presenta numerosas plantillas e posibilidades de transición das fotos e de incorporación música do seu arquivo. É unha boa opción para montar presentacións de actividades extraescolares, reunións… ao alumnado encántalle.

Titorial en diapositivas de Educ.ar

1.2. Documentos

  • Scribd: é un espazo onde aloxar documentos en distintos formatos que permite distribuílos ao xerar un código que, ao xeito do Youtube ou do Slide, inserta e visualiza o documento no blogue persoal. No entanto, debe haber algún problema de incompatibilidade con WordPress que antes non había (en plataformas como Blogspot non rexistra este problema).

Titorial en vídeo (Youtube).

1.3. Imaxes

  • Flickr: é un espazo de Yahoo que posibilita subir e compartir imaxes, sobre todo, fotografías, que podemos ou non facer públicas. É a aplicación destas características máis popular da rede ao ser empregada pola blogosfera para almacenar fotos. O noso blogue persoal ten unha capacidade de almacenaxe limitada mais permite integrar calquera imaxe que estea na rede, por iso Flickr é unha boa solución. Ademais, permite, como a grande maioría das aplicacións web 2.0, etiquetar as fotografías e, deste modo, facilitar a súa busca. Tamén existen comunidades de usuarios en Flickr.

Titorial en diapositivas de Educ.ar.

1.4. Vídeos

  • Vodpod: sitio que permite crear un arquivo de vídeos favoritos (tomados de Youtube, Google Videos ou outros contedores). Con Vodpod podemos insertar un expositor de vídeos no lateral do noso blogue ou insertalo nas entradas a través dun “botón” que se instala nas “Ferramentas” do navegador web do noso ordenador. Tamén permite capturar presentacións e documentos, non só vídeos.

Titorial en Zoho Writer de Xano Cebreiro para o wiki ferramentasweb.

1.5. Audio

  • GoEar: fálase do Youtube dos documentos, o Youtube das presentacións… chegoulle a quenda agora ao Youtube da música. De aspecto bastante austero, esta ferramenta permite subir e compartir arquivos MP3 dun modo sinxelo. Tamén permite integrar as pistas de audio no blogue copiando, coma sempre, o seu código, aínda que con WordPress cómpre facer algunha trampa.

Titorial de GoEar en documento word aloxado en Scribd.

  • Deezer: espazo moi popular na rede que permite escoitar en liña todo tipo de músicas de balde e legalmente. Aloxa maís de 2 millóns e medio de temas e millóns de listaxes de reprodución que configuran os ususarios. Ademais, permite rexistrarnos para subir cancións mp3 dende o noso ordenador e facer deste modo un espazo propio no sitio. Así mesmo, podemos bloguear a nosa listaxe de reprodución.

Titorial de Deezer en presentación de Slideshare.net.

  • Snips: reprodutor de audio que permite aloxar arquivos mp3 até un máximo de 5 xigas e ofrece varios servizos para os blogues como colgar unha playlist ou pistas de audio soltas (non necesariamente de música) xerando un widget con código. Tamén permite facer slides con imaxes, textos, animacións e sons, ademais de gravacións propias.

Titorial de Snips en vídeo (en español).

Etiquetas: , , , , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Aula LGL

  • Aplicacións

  • Recursos

  • Planetas