Rozando nas Tic

Marzo 23rd, 2011 at 10:52 p.m.

Unha interesante e completa achega de Xaime Varela para mergullarse nas eduTIC

Etiquetas: , ,
comments Comentarios desactivados en Unha interesante e completa achega de Xaime Varela para mergullarse nas eduTIC    -
Marzo 17th, 2011 at 6:15 p.m.

Netvibes, un escritorio virtual (Caderno de Lingua, 16-03-2011)

Hai tempo que quería centralizar nunha única páxina os sitios da rede (blogues e outras aplicacións da web 2.0) que se centran na Área de Lingua Galega e Literatura co obxectivo de optimizar o tempo de navegación da rede e ofrecer un espazo común para o profesorado de LGL. Tratábase de organizar, categorizar e distribuír os blogues da materia, do profesorado e de aula, as wikis, as presentacións e unidades didácticas, as propostas de actividades, etc. nun só sitio de marcado carácter visual e intuitivo, personalizábel e que permitise agregar sementes,e ligazóns, ademais de abrir a posibilidade de acceder a servizos como o correo persoal, calendario, axenda de contactos, redes sociais como Twiter e Facebook, etc. Esta aplicación é Netbives e tiña no IES de Porto do Son modelos como o da nosa biblioteca, o de Física e Química ou o dedicado ás canles de vídeo dos centros escolares galegos que podedes atopar na columna dereita do blogue do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine.

De momento, para comezar, incluín en Aula LGL os sitios que xa tiña na listaxe de ligazóns de aula neste mesmo Caderno, que agora paso a eliminar. Agardo as vosas suxestións para seguir agregando contidos e novos servizos.

Para aqueles que queiran facer unha incursión en Netvibes temos manuais (doc.) en castelán, ademais de vídeo-titoriais en portugués e castelán. Mágoa que non haxa en galego, que tampouco se ofrece para a interface deste servizo dende que Mancomun, que estaba traballando na localización de Netvibes, foi desmantelado pola Xunta de Galicia.

Etiquetas: , , ,
comments Comentarios desactivados en Netvibes, un escritorio virtual (Caderno de Lingua, 16-03-2011)    -
Marzo 17th, 2011 at 1:34 a.m.

Glogster, un cartaz dixital para Lois Pereiro

Etiquetas: , ,
comments Comentarios desactivados en Glogster, un cartaz dixital para Lois Pereiro    -
Marzo 17th, 2011 at 1:24 a.m.

A integración das tic na area de lingua e literatura (Caderno de Lingua, 19-03-11)

No curso “A linguaxe das novas tecnoloxías” que comezou no CFR de Santiago de Compostela o pasado 10 de marzo fixemos, en palabras de Leonor Mazaira, “unha reflexión sobre a necesidade de mudar as nosas propias actitudes como docentes”, proceso no que “as TIC son unha ferramenta de apoio ao cambio metodolóxico imprescindible”.

As competencias básicas, a necesidade de traballalas desde cada área e como abordalas. A obriga que temos todos de actuar como mediadores para que o noso alumnado desenvolva a competencia de comunicación lingüística (Competencia), pero tamén a competencia de aprender a aprender, a competencia de autonomía e iniciativa persoal, competencia en tratamento da información e competencia dixital, competencia social e cidadá. E todas ellas sen saírse da área de lingua nin do PROGRAMA, PROGRAMA, PROGRAMA.

Non sei se deu para tanto e se quedou claro, mais ese era o obxectivo fundamental.

comments Comentarios desactivados en A integración das tic na area de lingua e literatura (Caderno de Lingua, 19-03-11)    -
Marzo 16th, 2011 at 11:36 p.m.

Máis propostas TIC para a normalización lingüística e a aprendizaxe do galego (Caderno de Lingua, 24-11-10)

O vindeiro venres comezan na Facultade de Ciencias da Educación da USC as II Xornadas sobre Linguas e Educación en Galiza, que nesta edición se centran na “planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios”. O programa recolle palestras e relatorios que teñen como eixo común a planificación lingüística como ferramenta para a normalización dos centros escolares e da súa contorna e o papel que xogan os docentes nos proxectos normalizadores. Ademais, daranse a coñecer experiencias concretas que nesta dirección se desenvolven en diferentes niveis e centros educativos enmarcados en contextos moi diversos.

No bloque de experiencias que abordan a Planificación lingüística orientada tamén á normalización da contorna social acompañarei (e digo ben, acompañar) a Pilar Ponte para achegar unha panorámica, algún proxecto xa testado e unhas cantas propostas e reflexións sobre o uso educativo das redes sociais no ámbito da normalización lingüística.

Como base da miña intervención recorrerei, entre outros materiais, a esta magnífica e moi traballada proposta do profesor de Lingua Galega e Literatura Xaime Varela Sieiro (actualmente por aquí), que é a base dun relatorio presentado hai xa un tempo nunha Xornada de Encontro dos Lectores de Galego. Aínda que o autor se centra no uso educativo das aplicacións da web 2.0, especialmente dos blogues, no ensino/aprendizaxe nos lectorados de galego (que só parcialmente se puxo en práctica neste Planeta GaLE), moitas das actividades (diapositivas 35-42) que propón nesta presentación son adaptábeis ao ensino non universitario para dinamizar unha rede social de intercambio entre equipos de normalización ou na materia de lingua, como el mesmo experimenta cos seus cativos londinenses (1, 2 e 3).

Cumpría xa, pois sen tempo non era, publicar este traballo:

Etiquetas: , , , , , , , , ,
comments Comentarios desactivados en Máis propostas TIC para a normalización lingüística e a aprendizaxe do galego (Caderno de Lingua, 24-11-10)    -
Marzo 16th, 2011 at 11:35 p.m.

Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística (Caderno de Lingua, 01-12-09)

Baixo este epígrafe participei nas XIX Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega en Santiago de Compostela durante o pasado mes de abril. O obxectivo da miña palestra era achegar a miña curta experiencia aos asistentes para animalos, cando menos aos que aínda non se botaron a andar por estes camiños, a introducir as novas tecnoloxías na súa práctica docente a través de ferramentas de uso sinxelo que non precisan duns coñecementos técnicos moi avanzados. A maiores, quixen reunir algunhas propostas de actividades que, en maior ou menor medida, tratan de integrar estas aplicacións da web 2.0 no ensino da materia de lingua e literatura. Algunhas delas son o resultado da miña propia práctica nas aulas durante estes últimos 3 anos pero as máis son experimentacións e realidades contrastadas de compañeiros e compañeiras docentes que son guías para todos os que tentamos profundizar neste terreo.

A seguinte presentación (adiada neste blogue até hoxe incomprensibelmente) serviume de apoio naquela ocasión e inclúe unha sinxela, e xa clásica, sistematización de usos educativos da web 2.0 na aula, propostas de actividades, ligazóns varias e tamén algúns materiais (vídeos e viñetas) que convidan á necesaria reflexión sobre a renovación metodolóxica que precisamos para integrar con éxito as TIC na procura do desenvolvemento da competencia lingüística do noso alumnado.

Gustaríame reproducir aquí algúns dos apuntamentos finais desta presentación para incidir nalgúns principios e unhas cantas preguntas que debemos afrontar e resolver antes de máis nada, tanto os que aínda non experimentaron como aqueles que, coma min, precisan repensar algunhas dinámicas:

  • As TIC son unha boa oportunidade para o cambio e a innovación educativa.
  • O alumnado está inmerso nunha sociedade tecnificada, e nós?
  • Só se integrarán na práctica educativa cando se empreguen con fins curriculares e para estimular o desenvolvemento de aprendizaxes no alumnado.
  • A innovación coas TIC non consiste en facer máis do mesmo, nin en facer exposicións en Powerpoint co proxector, nin mudar o taboleiro e o xiz pola pizarra e o punteiro dixitais.
E Xaime Varela, do IES Chano Piñeiro de Forcarei, afirmaba noutra ocasión:
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para algo que facemos MAL na versión analóxica: exercicios estruturais, hot potatoes, webquests.
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para o que facemos BEN na versión analóxica.
  • Quizais debamos usar a tecnoloxía para facer MELLOR algo que facemos BEN na versión analóxica.
Entón, preguntábame eu: Que tememos máis? Ao uso dos medios ou ao cambio metodolóxico que iso conleva?

Segundo Jordi Adell, da Universidade de Castellón, o proceso de asimilación e acomodación das TIC nos docentes estímase, no mellor dos casos, entre 3 e 5 anos, e atravesa as seguintes fases:

  • Acceso: coñece e aprende as tecnoloxías.
  • Adopción: comeza a empregar a tecnoloxía con fins educativos, mais en actividades como as que realizaba antes.
  • Adaptación: a súa produtividade e a do alumnado mellora co uso das TIC.
  • Apropiación: desenvolve novos métodos de traballo integrando as TIC.
  • Innovación: implica a creación de procesos orixinais.
Eu atópome entre a segunda e a terceira fase e aínda vexo lonxe a seguinte. Ás veces non é estraño verse identificado na seguinte viñeta:
Naquela ocasión lanzaba unhas cantas preguntas para rematar:

  • En que estadio vos atopades vós? E no voso centro?
  • Como se podería dirixir/redirixir o uso das TIC cara a unha verdadeira innovación metodolóxica?
  • E cara a unha verdadeira innovación metodolóxica en LGL?
  • Que podemos achegar nós para que iso aconteza?
  • Que opinades?

Pois iso, que opinades? Aquí e mais aquí xa podedes atopar algunhas respostas.

Entradas relacionadas:
Etiquetas: , , , , , ,
comments Comentarios desactivados en Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística (Caderno de Lingua, 01-12-09)    -
Marzo 16th, 2011 at 11:33 p.m.

Experimentando con Showbeyond e Issuu (Caderno de Lingua, 04-02-09)

A primeira destas aplicacións, Showbeyond, é unha ferramenta de manexo moi sinxelo que permite crear presentacións en liña. Ao igual que Slide, unha vez que nos damos de alta como usuarios de Showbeyond podemos subir as nosas imaxes para montar unha presentación. Igualmente, podemos escoller a orde das diapositivas, unha disposición limitada das imaxes, subir unha pista de audio do noso computador, unha canción que estea na rede e mesmo gravar voz. No entanto, as posibilidades que ofrece á hora de costumizar a presentación son moi poucas en canto a cores ou efectos. Destacaría, con todo, que un dos deseños permite contar cunha marxe xenerosa para introducir un texto de certa extensión acompañando cada unha das imaxes. É por isto, e tamén pola opción de comentar as fotos con voz, que Showbeyond se presenta como unha aplicación para “tell stories, your stories”. O resultado intégrase noutras plataformas, agás, coma sempre, en WordPress, mais si en blogspot, nunha rede social, nas webs dinámicas dos centros escolares… Se premedes na imaxe que encabeza esta entrada, accederedes a un presentación de proba que reume algunhas das actividades levadas a cabo na biblioteca do noso centro.

Issuu é unha ferramenta máis popular cá anterior, tamén diferente, e nos últimos tempos foi moi mellorada. Serve para publicar documentos .pdf (revistas, catálogos, folletos, apuntamentos, etc.) de até un máximo de 500 páxinas e 100 Mb. O máis novidoso é que o libro dixital xerado pode ser visualizado en liña pasando páxina a páxina como se dun libro se tratase. Así mesmo, pódese descargar, imprimir, comentar e insertar nun blogue (salvo en WordPress, a non ser vía Vodpod). Para introducirse na ferramenta atopamos un titorial elaborado no propio Issuu e o exemplo que se mostra máis arriba (premede para acceder a el) é a última guía de lectura noso Clube de Lectura As Campaíñas. Tamén é accesíbel na barra lateral esquerda do Caderno de Lingua, en concreto na galería de vídeos de Vodpod.

Etiquetas: , , , ,
comments Comentarios desactivados en Experimentando con Showbeyond e Issuu (Caderno de Lingua, 04-02-09)    -
Marzo 16th, 2011 at 11:32 p.m.

Os blogues educativos. Revisión (Caderno de Lingua, 15-01-09)

Convidado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, acudín como “sparring” á Xornada de Encontro dos Lectores de Galego (29-30 de decembro) para falar dos blogues educativos ante o colectivo de docentes que conforman a rede de Lectorados de Lingua Galega polo mundo adiante e do que eu mesmo formei parte entre os anos 2002 e comezos do 2006.

Esta presentación vén sendo unha revisión destoutra elaborada hai un mes para outro curso de formación. Máis que nada, a miña achega é moi limitada e, se cadra, este Caderno de Lingua demostra que calquera docente sen coñecementos previos da web 2.0 pode aproveitar estas novas ferramentas no seu traballo cotián. O slide actualiza algunhas ligazóns a bitácoras educativas e apenas incorpora, como contidos novos, un achegamento ás redes sociais, en concreto á plataforma NING e mais a Palabea e Edufrysk, dúas redes sociais orientadas á aprendizaxe de segundas linguas, a primeira a linguas maioritarias como o inglés, o español, o alemán, etc. e a segunda á lingua frisoa.

Nas xornadas organizadas pola SXPL houbo achegas de moito valor. Destacaría a proposta de traballo para a aplicación das TIC na aprendizaxe do galego polo alumnado dos lectorados (e non só), presentada por Xaime Varela Sieiro, profesor de lingua galega no IES Chano Piñeiro de Forcarei, ou experiencias concretas como o manexo do programa Subtitle Workshop para a lexendaxe de filmes, dada a coñecer por Uxía Iglesias, lectora na Universidade de Kiel (Alemaña); o proxecto dun documentario de Xabier Cid, da Universidade de Stirling (Escocia); e o traballo co vídeo nas aulas de Séchu Sende. Son todas elas actividades que poden dar moito xogo no ensino secundario e das que falaremos en breve.

Etiquetas: , , , , ,
comments Comentarios desactivados en Os blogues educativos. Revisión (Caderno de Lingua, 15-01-09)    -
Marzo 16th, 2011 at 11:30 p.m.

Unha experiencia común (Caderno de Lingua, 02-12-08)

No programa das xornadas Competencia en comunicación lingüística nunha Europa plurilingüe e pluricultural aparecía este blogue como título dun dos obradoiros aínda que realmente non se trataba de iniciar aos asistentes na elaboración dunha bitácora en WordPress. En Pontevedra, como reseñei antes aquí e mais aquí, tentei simplemente animar aos que aínda non se aventuraron neste mundo da web 2.0 a facelo dende unha actitude destemedida sen ter en conta as carencias iniciais, porque os coñecementos necesarios son poucos, e crendo na potencialidade destas novas ferramentas no ensino.

Unha boa plataforma onde iniciarse nas aplicacións web 2.0 é o wiki Ferramentas web, que xestiona Xano Cebreiro.

Etiquetas: , , , , , , , , ,
comments Comentarios desactivados en Unha experiencia común (Caderno de Lingua, 02-12-08)    -
Marzo 8th, 2010 at 6:00 a.m.

Creación e uso educativo dos blogues II: escolma de aplicacións Web 2.0

0. INTRODUCIÓN

A Web 2.0 constrúese a través dun conxunto de ferramentas que permiten que os seus usuarios creemos e compartamos contidos coa comunidade internauta. Slideshare, vimeo, slide, flickr, wikispaces, goear, snips, scribd, google docs, deezer, chuza!, youtube, etc. son só algunhas das mil e unha aplicacións enfocadas aos blogueiros e blogueiras desta inmensa tea de araña que é a rede interactiva.

Que ferramentas integrar nas bitácoras ou nos blogues educativos? Todo depende do deseño, do uso e da información que queiramos integrar nas nosas actividades docentes. Lembremos que podemos empregar os blogues para fomentar a participación e a aprendizaxe colaborativa do alumnado, para participar dunha comunidade de intereses común e intercambiar experiencias e materiais ou para amosar o noso traballo ou a actualidade do noso centro educativo… e todo sen coñecementos en programación.

Imos, xa que logo, describir brevemente algunhas ferramentas de interese e dar as ligazóns aos seus titoriais de uso. Sempre queda na man do usuario analizar outras aplicacións semellantes, comparar, descubrir outras, etc. Cada día aparecen novos recursos e mellóranse os existentes. Isto é un océano, só hai que mergullarse.

1. ALGUNHAS APLICACIÓNS PARA COMPLEMENTAR AS NOSAS BITÁCORAS

1.1. Presentacións

  • Slideshare: aplicación que permite almacenar presentacións de diapositivas. Creánse no propio ordenador con Powerpoint, OpenOffice ou calquera outro programa compatíbel cos formatos .PPT, .PPS ou .ODP. Logo, sóbense á rede en apenas uns minutos e convértense directamente a flash, o que permite integralas en calquera blogue copiando e pegando o seu código e velas como se un vídeo de Youtube se tratase (hai quen fala de slideshare como o “Youtube de powerpoint”).

Titorial no propio slideshare de Educ.ar.

Titorial en Zoho Writer de Xano Cebreiro para o wiki ferramentasweb.

  • Slide: é unha ferramenta que permite empregar calquera material dixital (imaxes…) para elaborar presentacións. O seu manexo é simple, presenta numerosas plantillas e posibilidades de transición das fotos e de incorporación música do seu arquivo. É unha boa opción para montar presentacións de actividades extraescolares, reunións… ao alumnado encántalle.

Titorial en diapositivas de Educ.ar

1.2. Documentos

  • Scribd: é un espazo onde aloxar documentos en distintos formatos que permite distribuílos ao xerar un código que, ao xeito do Youtube ou do Slide, inserta e visualiza o documento no blogue persoal. No entanto, debe haber algún problema de incompatibilidade con WordPress que antes non había (en plataformas como Blogspot non rexistra este problema).

Titorial en vídeo (Youtube).

1.3. Imaxes

  • Flickr: é un espazo de Yahoo que posibilita subir e compartir imaxes, sobre todo, fotografías, que podemos ou non facer públicas. É a aplicación destas características máis popular da rede ao ser empregada pola blogosfera para almacenar fotos. O noso blogue persoal ten unha capacidade de almacenaxe limitada mais permite integrar calquera imaxe que estea na rede, por iso Flickr é unha boa solución. Ademais, permite, como a grande maioría das aplicacións web 2.0, etiquetar as fotografías e, deste modo, facilitar a súa busca. Tamén existen comunidades de usuarios en Flickr.

Titorial en diapositivas de Educ.ar.

1.4. Vídeos

  • Vodpod: sitio que permite crear un arquivo de vídeos favoritos (tomados de Youtube, Google Videos ou outros contedores). Con Vodpod podemos insertar un expositor de vídeos no lateral do noso blogue ou insertalo nas entradas a través dun “botón” que se instala nas “Ferramentas” do navegador web do noso ordenador. Tamén permite capturar presentacións e documentos, non só vídeos.

Titorial en Zoho Writer de Xano Cebreiro para o wiki ferramentasweb.

1.5. Audio

  • GoEar: fálase do Youtube dos documentos, o Youtube das presentacións… chegoulle a quenda agora ao Youtube da música. De aspecto bastante austero, esta ferramenta permite subir e compartir arquivos MP3 dun modo sinxelo. Tamén permite integrar as pistas de audio no blogue copiando, coma sempre, o seu código, aínda que con WordPress cómpre facer algunha trampa.

Titorial de GoEar en documento word aloxado en Scribd.

  • Deezer: espazo moi popular na rede que permite escoitar en liña todo tipo de músicas de balde e legalmente. Aloxa maís de 2 millóns e medio de temas e millóns de listaxes de reprodución que configuran os ususarios. Ademais, permite rexistrarnos para subir cancións mp3 dende o noso ordenador e facer deste modo un espazo propio no sitio. Así mesmo, podemos bloguear a nosa listaxe de reprodución.

Titorial de Deezer en presentación de Slideshare.net.

  • Snips: reprodutor de audio que permite aloxar arquivos mp3 até un máximo de 5 xigas e ofrece varios servizos para os blogues como colgar unha playlist ou pistas de audio soltas (non necesariamente de música) xerando un widget con código. Tamén permite facer slides con imaxes, textos, animacións e sons, ademais de gravacións propias.

Titorial de Snips en vídeo (en español).

Etiquetas: , , , , , , , , , ,
comments Comentarios desactivados en Creación e uso educativo dos blogues II: escolma de aplicacións Web 2.0    -
  • Aula LGL

  • Aplicacións

  • Recursos

  • Planetas